Friday 29 de March de 2024

Un total de 14 empresas presentan as súas ofertas para executar a mellora do firme en 6 estradas autonómicas da provincia da Coruña, cun investimento de máis de 2,4 M€


― A Xunta prevé comezar as obras a finais de agosto ou setembro e rematalas este ano

― Acondicionarase o firme en varios treitos das estradas AC-174, AC-214, AC-230, AC-400, AC-415 e AC-524, en Oleiros, Cambre, Aranga, Curtis, Cerceda, Frades e Mesía

― Realizaranse fresados e reposicións con mestura bituminosa en quente, ademais da renovación da sinalización horizontal

― A Xunta continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade recibiu un total de 14 ofertas de empresas para executar as obras de mellora do firme en 6 estradas autonómicas da provincia da Coruña, que suporán un investimento de máis de 2,4 millóns de euros.

A Xunta prevé comezar os traballos a finais de agosto ou en setembro, co fin de telos rematados este mesmo ano.

As actuacións que se van levar a cabo consisten na rehabilitación do firme en varios treitos das estradas AC-174, AC-214, AC-230, AC-400, AC-415 e AC-524, que discorren polos concellos de Oleiros, Cambre, Aranga, Curtis, Cerceda, Frades e Mesía.

Realizaranse fresados localizados nos treitos de actuación e reposicións con mestura bituminosa en quente, ademais da renovación da sinalización horizontal.
A Xunta continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras.